xoves, 20 de decembro de 2018

Contos de Santos e Nadal

Atopamos no Portal das Palabras unha entrada titulada "Entre Santos e Nadal" que non só nos lembra o libro de relatos de Otero Pedrayo, senón que tamén nos ofrece información de interese sobre o mes de novembro e decembro:

O outono despídese no mes de Santos e o inverno empeza o 21 de decembro, o día máis curto do ano, mes que na tradición popular denominamos Nadal. Novembro recibe tamén o nome de Santos pola tradición da cultura cristiá. “Ditoso mes que comeza cos santos todos”, di o refrán, “media con Euxenio (día 15) e remata con Santo André (día 30)”. Etimoloxicamente a denominación novembro vén do latín (mensis) november mais a través *novembrius, vocábulo que remite a nove, porque no calendario romano era o noveno mes, igual que decembro como era mes dez procede de (mensis) december. Naquel calendario anterior á reforma do 153 a.C., o ano empezaba en marzo, coa primavera (tempo axeitado para comezar as campañas militares), por iso o mes de decembro era o décimo.
O Portal das Palabras

martes, 13 de novembro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES: O MAGOSTO

A festa do magosto era festa de rapaces e de mozas e mozos, festa de canto e baile. 
Antonio Fraguas, A festa tradicional en Galicia
Adriaen Coorte
Continuamos coa nosa particular homenaxe a Antonio Fraguas lembrando unha das festas tradicionais desta época: o magosto. Esta festa é, coma nos lembra o escritor pontevedrés "unha festa das colleitas" que tradicionalmente adoitaba se celebrar arredor do 1 de novembro, se ben en Ourense se conmemoraba o Día de San Martiño (11 de novembro). Hoxe en día as datas adoitan situarse entre finais de outubro e principios de novembro.


Fraguas recolle un poema de Eladio Rodríguez González no seu libro A festa tradicional en Galicia no que se reflicte esta festa:

Algunhas tardiñas, entre lusco e fusco,
séntese nos soutos
o estoupar das castañas asadas
i-o barrumbiar dos alegres magostos.
E o chega-las noites
e saír a sombra fóra dos seus tobos,
fórmanse as fiadas
onde se contan os tráxicos contos
e se fala de trasnos e de meigas
e se lembran pantasmas e agorios.

Eladio Rodríguez González

martes, 30 de outubro de 2018

ARCO DA VELLA DOBRE

Chegaron as chuvias, chegou o frío...isto xa parece unha situación máis propia de finais de outubro ou principios de novembro...
Entre os regalos que ás veces nos ten preparados a natureza puidemos observar nestas últimos días un arco da vella algo especial. É un arco DOBRE, o cal non é facil de visualizar porque téñense que dar unha serie de circunstancias algo especiais.
Cando a luz sae do sol ás nosas espaldas é luz branca...pero se temos a sorte de que chova pode ocorrer que esas pingas de auga teñan o tamaño axeitado para actuar como auténticos prismas que consiguen descompoñer a luz branca nas cores que a forman. 
Cando a luz branca entra na gota de auga pola súa parte superior rebota nas súas paredes e sae da mesma desviada en función da lonxitude de onda do raio, ou para que o entendas, en función da cor do raio. Unhas cores desvíanse máis e outras menos...este fenómeno de difracción trae como consecuencia algo tan fermoso como un conxunto de 7 cores coñecido como arco da vella.
Isto témolo observado moitas veces...pero o que non é tan habitual é que as gotas teñan as características axeitadas para permitir que teña lugar dentro das mesmas unha segunda reflexión interna nos raios que entran pola súa parte inferior...ao haber 2 rebotes dentro da gota pérdese bastante enerxía e por iso o segundo arco de vella ao que dá lugar non é tan intenso como o primeiro.
Se algunha vez o volves a ver fíxate que a orde de cores é INVERSA a do arco principal.
na seguinte fotografía captada esta semana pódelo visualizar bastante ben.


luns, 22 de outubro de 2018

UN CURSO DE FESTAS POPULARES

A vendima ou O outono de Goya

Iniciamos un novo curso e unha nova sección neste blogue que titulamos "Un curso de festas populares". Queremos lembrar nesta sección as festas populares a través da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas. Entre a súa abundante obra figura un libro titulado A festa popular en Galicia e pareceunos que sería unha boa idea ir lembrando algunhas destas festas a través dos seus textos ou os doutros autores, xa que coma sabedes estas están moi vinculadas cos ciclos agrícolas e coas estacións.
Ramón Cabanillas

Empezamos coa vendima que se realiza habitualmente a finais de setembro e comezos deste mes de outubro. Escollemos unhas estrofas do seu poema "Vendima en Salnés" que, por certo, tamén recolle Fraguas no amentado libro.

No carro ven a tinalla, cheíña a non poder máis;
detrás, as vendimadoras, a rir , collidas das mans.

O carro vén derradeiro, chirra que te chirrarás
e por riba do rinchido rompe unha moza a cantar.

Lévame no carro, leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro, leva
comerei das máis maduras.
Ramón Cabanillas, Poemas soltos

E por se queredes saber coma foi a vendima este ano en Galicia deixámosvos un enlace coas novas relacionadas con esta na TVG.

mércores, 27 de xuño de 2018

TRABALLANDO CO TEMPO EN 1º PRIMARIA B

En 1ºB comezamos traballando o vocabulario específico dos distintos fenómenos meteorolóxicos.


martes, 12 de xuño de 2018

NAS NUBES

Nas nubes é unha selección de poemas elaborados polo noso alumando de 3º de secundaria. Premede aquí se queredes coñecela.

martes, 15 de maio de 2018

Mª VICTORIA MORENO

Créditos da ilustración

Este ano homenaxearemos no Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno e non queremos deixar que a súa presenza sexa allea a este blogue, polo que escollemos un soneto de Elexías de luz para lembrala.


Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragancias vellas de ilusións e amores.

Sorriron para ti tódalas flores,
fixose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.

Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.

Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.
Mª Victoria Moreno, Elexías de luz

mércores, 25 de abril de 2018

E SEGUIMOS CON BALTASAR MERINO

Hai unha temporadiña lembrabamos a Baltasar Merino como meteorólogo e hoxe queremos deixarvos un interesante vídeo sobre a súa figura publicado por educaBarrié.

xoves, 8 de febreiro de 2018

FESTAS E REFRÁNS DE FEBREIRO


 Por san Blas verás la cigüeña volar y, si no la vieres, año de nieves
Cegoñas de Józef Chelmónski

Os refráns sobre o mes de febreiro son moi abundantes. Algúns deles están relacionados coa festa da Candeloria, sobre a que xa temos escrito aquí:
  • Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
  • O día da Candelaria, se chora ou venta, inverno entra. E se non venta nin chora, inverno fóra.
  • Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Outros fan referencia ás tarefas agrícolas e a meteoroloxía:
  • A auga de febreiro derrama o viño
  • A suga de febreiro fai o lameiro.
  • A auga de febreiro ten pros campos tempero; e a de maio teno pra todo o ano.
Ou ao rigor do clima neste segundo mes do ano:
  • Febreiro, frebas de frío, e non de liño.
  • Febreiro, inda que corto, é o pior de todos.
  • Febreiro louco, sacou o seu irmán e apedreouno.
Por suposto, non podemos deixar de mencionar aqueles que tratan sobre o Entroido:
  • O entroido ao tizón, a pascua ao sol
  • O entroido, coas súas artes, botou a san Matías fóra do martes.
Despedímonos lembrando un dos nosos preferidos: " Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro".
Por certo, se queredes saber a orixe do refrán co que iniciamos esta entrada premede aquí.

venres, 19 de xaneiro de 2018

UN RAIO AZUL

 Se no paraíso existe a cor verde seguramente é esa, a verdadeira cor verde da esperanza!
Jules Verne, O raio verde 

Atopamos en GCiencia unha nova que nos chamou a atención: o profesor e fotógrafo Alfredo Madrigal observou e gravou un vídeo dun raio azul nos cantís de Loiba. Moitos de vós escoitastes falar do raio verde, pois ben, o raio azul é un fenómeno moito máis raro de ver. Na web Ceos Galegos podedes atopar unha ligazón co vídeo e máis información sobre este fenómeno ao que o mesmo Jules Verne lle dedicou unha novela: O raio verde.


domingo, 7 de xaneiro de 2018

RESUMO METEOROLÓXICO DO 2017

Finalmente rematamos o ano con 885,2 l/m^2 moi por debaixo da media dos últimos catro anos (2013-2016) que era de 1206 l/m^2. Este é o resumo meteorolóxico do 2017.


Mes
T
TM
Tm
R
H
V
DR
Xaneiro
9,1
13,1
5,1
62,0
80,7
30,5
13
Febreiro
10,7
14,5
6,9
101,6
81,2
44,0
11
Marzo
12,3
16,1
8,5
181,2
77,6
46,5
16
Abril
13,5
18,6
8,4
23,0
71,7
43,0
3
Maio
16,9
21,4
12,4
87,2
78,1
35,1
13
Xuño
18,2
22,7
13,8
41,0
79,5
35,2
5
Xullo
19,2
23,0
15,4
18,6
81,6
33,4
5
Agosto
19,5
23,9
15,0
24,0
79,2
31,7
7
Setembro
16,3
20,8
11,8
58,8
82,4
30,5
14
Outubro
17,1
22,6
11,7
33,4
77,4
33,4
5
Novembro
11,2
15,9
6,5
88,2
82,6
26,9
13
Decembro
9,7
13,7
5,7
166,2
84,9
37,2
17
ANUAL
14,5
18,9
10.1
885,2
79,7
35,6
122